As Pedras Galladas

Cultura · Patrimonio · Ecoloxía

Blog · As Pedras Galladas

Crónicas e camiños compartidos — un espazo onde contar o que vivimos e o que nos move.

Filtrar por:

Os segredos do Monte Xalo: Unha viaxe con Lois Vilar

Culleredo · 23 de xaneiro de 2026

O pasado mes de xaneiro descubrimos da man de Lois Vilar que as pedras do Xalo poden non ser simples pedras, senón restos que deixaron os xigantes ou xentís, os mouros da nosa terra. Hai lendas transmitidas durante séculos que non queremos perder, pero hoxe xa quedan poucas persoas que nolas poidan contar e por iso o traballo de recuperación de Lois resulta tan fundamental.

Viaxamos á orixe do nome do Xalo, que aparece xa no ano 978 nun códice do Mosteiro de Samos como Monte Ghalo, un termo que podería estar relacionado co sagrado, coa auga ou coa idea de punto de vista amplo. Ao subir ao curuto do monte e contemplar a paisaxe é doado entender esta teoría. Co paso do tempo ese Ghalo foi derivando no topónimo actual, O Xalo, que non aparece documentado ata ben entrado o século XIX.

A xeoloxía fálanos de como se formou o monte debido ao movemento da gran falla que atravesa zonas como Baldaio, Meirama ou Boimil, hai centos de millóns de anos. Aínda hoxe poden atoparse indicios dese pasado remoto en restos de pedra esmagada pola falla ou pegadas fósiles dun tempo no que a paisaxe era moi diferente. Pero o Xalo é tamén historia vivida, estivo habitado dende tempos antigos como demostran restos megalíticos, petróglifos, mámoas e castros, un espazo que foi lugar de culto, tránsito e vida. Foi refuxio de guerrilleiros republicanos pero tamén de familias humildes que chegaron a vivir entre penedos, facendo do monte o seu fogar.

Arredor do Xalo xorden historias das meigas, dos xentís, das bestas do monte e dos ritos vencellados ás pedras e á auga, relatos de milleiros de anos que queremos conservar.

A pesar desta riqueza, hoxe en día é imposible localizar moitas das pedras e restos arqueolóxicos pola falta de mantemento apropiado. Hai que coidalo e defendelo, xa que non se lle destinan os recursos necesarios e soamente pequenas asociacións se preocupan de preservalo. Os recursos das entidades públicas deben velar polo noso patrimonio natural e histórico antes de que desapareza.

Grazas a Lois por axudarnos a poñer en valor o Xalo e a memoria que agocha. Se queredes aprender máis, o seu libro é unha obra imprescindible para coñecer a vertente norte e as súas pedras. Cando amaine a choiva, pode ser unha gran excursión visitar as Pedras Galladas ou as favoritas de Lois, as Pedras Mouras.

Lois Vilar na mesa falando do monte Xalo cos seus libros e cartaces Lois explicando os detalles xeolóxicos e históricos do Xalo Público asistente á charla de Lois Vilar en Culleredo
Monte Xalo Lois Vilar Patrimonio Galego As Pedras Galladas

A Memoria como obriga ética: Encontro con Manuel Monge

Vilaboa, Culleredo · 11 de decembro de 2025

Os actos arredor da memoria histórica non son só encontros para lembrar o pasado: son espazos necesarios para comprender o presente e evitar que a violencia se repita. Porque non hai mobilización posible para o cambio dende o descoñecemento. Sen coñecemento non hai conciencia, e sen conciencia non hai xustiza nin reparación.

O pasado 11 de decembro compartimos unha charla necesaria con Manuel Monge González, investigador e expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Manuel, represaliado político durante o franquismo, axudounos a poñer nome á represión exercida durante a ditadura. Cando non existe posibilidade de defensa, cando milleiros de persoas son perseguidas, encarceradas e asasinadas de maneira sistemática, falamos de xenocidio. Chamarlle polo seu nome non é un exceso, é unha obriga ética.

Non se poden esquecer capítulos como o de Badaxoz, onde arredor de 4.000 persoas foron asasinadas nunha praza, simplemente por oporse a unha dictadura, nin a existencia dos campos de concentración franquistas en Galicia, como o do Mosteiro de Oia. Alí, as mensaxes escritas polos presos nas paredes, palabras de despedida, de medo e de amor, aínda hoxe nos rompen o corazón e lémbrannos ata que punto chegou a barbarie do réxime, soamente fai falta estar un minuto alí dentro para comprender a magnitude da barbarie cometida.

“A represión non remata mentres non se recoñece plenamente. Mentres continúen corpos nas cunetas e non se honre ás vítimas como merecen, a violencia segue presente.”

A recuperación dos corpos é un acto profundamente humano e necesario para as familias e para a sociedade: sen verdade, non hai peche posible. Neste contexto, a educación é un piar fundamental. Así o recolle o artigo 44 da Lei de Memoria Democrática (2022): o sistema educativo debe incluír o coñecemento desta historia para formar unha cidadanía crítica. Educar é tamén reparar.

Visitar lugares de memoria, como o Campo da Rata na Coruña, forma parte dese proceso pedagóxico. Son espazos que falan cando se lles permite facelo. E todo isto conecta co presente: cando vemos un pobo sometido á violencia sistemática e ao desprazamento forzoso, como ocorre en Palestina, identificamos dinámicas que a historia xa nos ensinou. A memoria serve para non mirar cara outro lado.

Dende As Pedras Galladas agradecemos a Manuel Monge a súa traxectoria marcada polo compromiso coa verdade. A súa voz axúdanos a entender por que as leis non sempre se aplican con decisión e por que a retirada de simboloxía franquista segue a ser tan lenta. Lembrar non é quedar ancoradas no pasado, senón defender a dignidade no presente e construír un futuro onde a barbarie non teña cabida.

Manuel Monge durante a charla en Culleredo Público asistente ao acto de memoria Manuel preparado na mesa cos seus libros

O País Invisible: Unha viaxe ao corazón da nosa diáspora

Servizos Múltiples do Burgo, Culleredo · 27 de novembro de 2025

Hai libros que se len e libros que se senten. A presentación de “O País Invisible” en Culleredo foi, por riba de todo, un encontro coa nosa propia historia. Da man de Arturo Lezcano e Cristina Díaz Pardo, non só falamos de datos; rescatamos do esquecemento as voces e os relatos que deron forma á nosa identidade actual.

Esta obra é o froito de máis de 150 entrevistas e dúas décadas de investigación, tecendo unha epopea atlántica onde Galicia se revela como un país enorme e sen fronteiras. Arturo recordounos que esa pegada está en todas partes, dende o cotián dos barrios de Bos Aires ata os nomes dos bares onde tomamos o café cada mañá. Se prestades atención, a historia da nosa emigración está escrita nas nosas rúas.

Un momento emocionante foi o relato sobre as historias silenciadas das mulleres, cuxas experiencias quedaron dobremente invisibilizadas. Este libro non fala de heroes de bronce, senón de xente común, de familias e de ausencias que aínda hoxe resoan nas nosas casas.

Dende As Pedras Galladas agradecemos a Arturo e a Cristina a súa xenerosidade. Saímos coa necesidade de facer o mesmo que fixo o autor: preguntar na casa, escoitar e recuperar o noso relato. A nosa memoria colectiva segue viva, agardando por ser contada. Tamén á librería Ler o Temple por colaborar con nós para levar este evento un pouquiño máis alá! E a todas e todos vós, por vir pasar unha tarde estupenda na que nos coñecemos un pouquiño mellor!

Arturo e Cristina respondendo preguntas Arturo e Cristina na presentación Arturo firmando libros Librería Ler o Temple
Arturo e Cristina sorindo

Visita á exposición dos 50 anos de ADEGA

A Coruña · 3 de novembro de 2025

A exposición polos 50 anos de ADEGA foi unha oportunidade para recoñecer un labor constante na defensa do territorio galego. Non é só memoria: é traballo real, feito día a día e moitas veces en silencio.

A mostra amosaba campañas nos montes e nas rías, accións contra os incendios, defensa da biodiversidade e proxectos de voluntariado. Tamén o esforzo por divulgar e mobilizar á mocidade: semente que xa está a dar froito.

Hoxe, nun contexto de degradación ambiental, o traballo de ADEGA é máis necesario ca nunca. Protexer o territorio é protexer a vida, a cultura e o futuro de Galicia.

Dende As Pedras Galladas agradecemos a súa perseveranza. Cada pequena acción conta, e cada persoa pode sumar para manter viva esta defensa colectiva.

ADEGA exposición Panel divulgativo ADEGA Material histórico ADEGA Presentación ADEGA

Presentación de “Un tal. Tulipán. Amor. Locura.”

Edificio de Servizos Múltiples do Burgo · 27 de outubro de 2025

Daniela 1 Daniela 2
Daniela 3

Onte en Culleredo compartimos unha tarde que quedará comigo e con moitas persoas. A presentación de “Un tal. Tulipán. Amor. Locura.” foi máis que un acto literario: foi unha conversa aberta, íntima e potente sobre o lugar da palabra nas nosas vidas.

Daniela Val Filgueiras falou con naturalidade da literatura como primeiro amor, da educación entendida como tamén viaxe afectiva, e da arte como fío para interpretarnos. Falou da familia, da dor, da superación e da beleza que nace nas rutinas. A súa lectura mesturou intelixencia e ternura; houbo risas e algunha bágoa, e a emoción palpouse ao longo da tarde.

Nel Vidal Barral, quen fora o seu profesor de lingua galega no instituto, acompañou a Daniela cunha conversa cálida e sincera sobre a súa obra. Incluso lle trouxo uns tulipáns de Ámsterdan para sementar, para velos medrar —fortes e fráxiles á vez, como dixo Daniela—, un xesto que resumiu á perfección o espírito da tarde.

O auditorio estivo cheo, sobre todo de xente nova. Foi especialmente emocionante ver tanta mocidade presente, interesada e atenta: a poesía atopou novas miradas, e o futuro sentou con nós.

Dende As Pedras Galladas sentímonos orgullosas de poder ser altofalante de voces que conmoven e inspiran. Grazas a Daniela e a Nel por tocar o noso corazón e por crear algo verdadeiramente especial.

Cando as palabras medran contigo, chegan días como este. Agardámosvos nas próximas presentacións.

A Memoria como obriga ética: Encontro con Manuel Monge

Vilaboa, Culleredo · 11 de decembro de 2025

Os actos arredor da memoria histórica non son só encontros para lembrar o pasado, son espazos necesarios para comprender o presente e evitar que a violencia se repita. Porque non hai mobilización posible para o cambio dende o descoñecemento. Sen coñecemento non hai conciencia, e sen conciencia non hai xustiza nin reparación.

O pasado 11 de decembro compartimos unha charla necesaria con Manuel Monge González, investigador e expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Manuel, represaliado político durante o franquismo, axudounos a poñer nome á represión exercida durante a ditadura. Cando non existe posibilidade de defensa, cando milleiros de persoas son perseguidas, encarceradas e asasinadas de maneira sistemática, falamos de xenocidio. Chamarlle polo seu nome non é un exceso, é unha obriga ética.

Non se poden esquecer capítulos como o de Badaxoz, onde arredor de 4.000 persoas foron asasinadas nunha praza, nin a existencia dos campos de concentración franquistas, como o do Mosteiro de Oia. Alí, as mensaxes escritas polos presos nas paredes, palabras de despedida, de medo e de amor, aínda hoxe nos rompen o corazón e lémbrannos ata que punto chegou a barbarie do réxime.

“A represión non remata mentres non se recoñece plenamente. Mentres continúen corpos nas cunetas e non se honre ás vítimas como merecen, a violencia segue presente.”

A recuperación dos corpos é un acto profundamente humano e necesario para as familias e para a sociedade, sen verdade, non hai peche posible. Neste contexto, a educación é un piar fundamental. Así o recolle o artigo 44 da Lei de Memoria Democrática (2022), o sistema educativo debe incluír o coñecemento desta historia para formar unha cidadanía crítica. Educar é tamén reparar.

Visitar lugares de memoria, como o Campo da Rata na Coruña, forma parte dese proceso pedagóxico. Son espazos que falan cando se lles permite facelo. E todo isto conecta co presente, cando vemos un pobo sometido á violencia sistemática e ao desprazamento forzoso, como ocorre en Palestina, identificamos dinámicas que a historia xa nos ensinou. A memoria serve para non mirar cara outro lado.

Dende As Pedras Galladas agradecemos a Manuel Monge a súa traxectoria marcada polo compromiso coa verdade. A súa voz axúdanos a entender por que as leis non sempre se aplican con decisión e por que a retirada de simboloxía franquista segue a ser tan lenta. Lembrar non é quedar ancoradas no pasado, senón defender a dignidade no presente e construír un futuro onde a barbarie non teña cabida.

Cometa 2 Cometa 3 Cometa 4

Símbolos de Palestina

Outubro de 2025

Símbolos de Palestina

A simboloxía dun pobo son pontes entre a súa memoria e o seu futuro. Non son só imaxes: son voces que permanecen cando todo ao redor tenta ser borrado. En Palestina, cada símbolo é unha declaración de existencia fronte á ocupación.

A chave representa o dereito ao retorno das familias expulsadas na Nakba; a kufiya fala de dignidade e resistencia; o olivo simboliza arraigo; e Handala recolle os ollos do mundo que nunca deixaron de mirar.

Fronte á destrución cultural, estes símbolos convértense nun arquivo vivo. Defender e difundir esta iconografía é defender o dereito dun pobo a existir e a nomear a súa propia historia.

Símbolo 1 Símbolo 2 Símbolo 3 Símbolo 4 Símbolo 5 Símbolo 6 Símbolo 7 Símbolo 8 Símbolo 9 Símbolo 10 Símbolo 11 Símbolo 12

Contacto

colectivodaspedrasgalladas@protonmail.com

Instagram Facebook YouTube